A avoa e o amor
Presentación
Produções da Avó

UNHA LONGAMETRAXE ESCRITA E REALIZADA POR Raul Veiga CON Francisca Sobrinho, Tiago Araújo E Xosé Barato

A avoa e o amor

A nosa avoa vivía como quen escribe, facía de cada día un conto sen final.

Esta longametraxe é un milagre realizado. Afirmámolo sen reservas, despois de termos contornado todas as dificultades derivadas de non contarmos con ningún dos apoios do costume. Sen deixar de ser un filme caracterizadamente autoral (o realizador Raul Veiga tamén escribiu o guión), nunca esquece a función primeira de toda a creación artística: ser, en termos clásicos, promesa de pracer.

A filmaxe tivo lugar, en portugués e galego, en Ponte de Lima e as súas redondezas (nomeadamente, a Casa de Vilar de Rei, onde se sitúa a localización principal do filme), con algunhas escenas na Galiza (Vigo). Seguiuse unha longa posprodución até agora, finalmente, podermos mostrar un filme de grande orixinalidade e realizado con impecábel feitura técnica.

I · Sinopse
A avoa e o amor
Produções da Avó
A felicidade non é anestesia.

Dous irmáns. Unha casa rural no norte de Portugal. Unha herdanza que é tamén un desafío.

Dous irmáns na trintena, Mafalda e Diego, despois de moitos anos sen contacto coa avoa Pilar por discordias na familia, reciben como herdanza a casa rural en que ela moraba en Portugal, xuntamente cun desafío sorprendente.

Na tentativa de responder a ese desafío, os irmáns múdanse para a casa e alí van encontrar o vínculo co que significaba o amor da avoa. Deberán redescubrir quen eles son e o que queren facer co seu desexo, a súa vida e o seu futuro.

Serán capaces?

II · A Narración
Outros amarán aquilo que eu amei
Nota do realizador

Outros amarán aquilo que eu amei

Hai unha avoa ou un avó nos afectos de toda a xente, como hai unha familia, fonte das emocións máis marcantes e, por iso, lugar de conflitos e distanciamentos, máis ou menos profundos.

Así, dous irmáns, Mafalda e Diego, despois de moito tempo sen contacto coa avoa Pilar, fican abalados cando o seu testamenteiro os chama para recibiren a herdanza dela. É unha casa de campo en Ponte de Lima (norte de Portugal) e algún diñeiro, mais cunha indicación chocante: eses cartos deben ser destinados a contaren unha historia que perpetúe a memoria familiar, unha vez que Mafalda, como a avoa, foi sempre unha grande contadora de historias. É motivo con longa tradición: as mulleres como portadoras da memoria.

A Mafalda vai un paso mais alén e decide facer a tal narración en forma de filme. Ora, ese designio, para poder ser cumprido, vai obrigar os irmáns a reformular a súa vida, en parcería co namorado da Mafalda, Ricardo, ao mesmo tempo que pugnan, na Galiza e Portugal, para contornaren os inmensos obstáculos que a produción cinematográfica levanta a outsiders coma eles.

Unha relación entre irmáns como non lembramos na historia do cinema

Para a Mafalda e o Diego, no proceso de tentaren ser fieis á vontade da Pilar, non se trata apenas de curar a ferida que abriu a ruptura familiar acontecida após a morte accidental do pai deles; trátase, sobre todo, de reencontrar as memorias da avoa perdidas e agora recobradas a través da personaxe de Domingos Martíns –amigo da Pilar secretamente namorado dela– e así dar a esta a única posíbel permanencia, facela vir á vida de Mafalda e Diego.

Este filme trata dos múltiplos camiños do amor, o amor dos que nos precederon e nos deron a vida, o amor dos irmáns, o amor dos amantes e como todos eles configuran, a través da familia, a base e o principio de calquera comunidade. De aí a inmensa significación que a casa da avoa adquire para eles, até o punto de se prenderen con ela e a faceren súa, como desexaba a Pilar.

Amor, identidade, memoria

Ora, alén de ser un canto á familia, A avoa e o amor é tamén un canto á fraternidade entre o norte de Portugal e a Galiza, porque o o percurso das nosas personaxes suscita as cuestións da identidade, tanto individual como colectiva, da lingua e da memoria, tanto persoal como social. No filme é citado un verso de Sophia de Mello Breyner Andresen que o expresa moito ben: “outros amarán as cousas que eu amei”, aquilo que nos transmiten os nosos antecesores, unha casa, unha terra cun enorme poder de atracción, unha lingua, unha cultura e, tamén, o irresistíbel encanto das pequenas diferenzas que enriquecen a nosa identidade, como, aquí, a relación con Portugal, tan predicada como pouco cultivada.

Unha narración áxil e luminosa

Para dar forma a esta comedia dramática, era indispensábel un elenco capaz de tornar as personaxes en seres vivos e coubo ao realizador, Raúl Veiga, dirixilos de modo que o filme se tornase unha experiencia cativante para o público. Contamos así con excelentes actores portugueses e galegos: Francisca Sobrinho (“Mafalda”), Tiago Araújo (“Diego”), Xosé Barato (“Ricardo”), António Capelo (“Domingos Martíns”), María Barcala, Artur Trillo, Isabel Vallejo, João Cardoso, Manu Fernández ou Elena Seijo. No equipo técnico debemos salientar, ao pé das xefaturas de equipo portuguesas com destaque para a música do Paulo Pires, os nomes de dous colaboradores habituais do realizador: Juan Carlos Gómez, na dirección de fotografía (máis de uma centena de créditos na IMDB), e Guillermo Represa na montaxe.

As cores dos escenarios (responsabilidade de Jorge Lourenço) e o gardarroupa (de Ana Isabel Nogueira) fan sentir intensamente a presenza do outono e a belísima Ponte de Lima e, no xeral, a paisaxe miñota é o pano de fondo sobre o cal Mafalda, Diego e Ricardo, so o ollar benévolo de Domingos Martíns, encontran os camiños da súa liberdade, nunha narración áxil e luminosa, que desemboca nun final sorprendente.

III · Galería
Imaxes do filme
IV · Ficha Técnico-Artística
A avoa e o amor
Produções da Avó

Quen fixo o filme

Xénero
Comedia dramática
Imaxe
Cor, 1:1,85, 4K
Son
5.1
Duración
97 min.
Lingua do filme
Portugués, galego
Subtítulos
Español, inglés, francés
Locais de filmaxe
Navió (Casa de Vilar de Rei)Ponte de LimaVigo
Audiencia
A partir de 12 anos
Co apoio de
Adega Cooperativa Regional de Monção Câmara Municipal de Ponte de Lima
Coa colaboración de
Eben Studio Production Solares de Portugal

Elenco

MafaldaFrancisca Sobrinho
DiegoTiago Araújo
RicardoXosé Barato
Domingos MartínsAntónio Capelo
Paulo CondeJoão Cardoso
EmiliaMaría Barcala
RaúlArtur Trillo
Matilde, a naiIsabel Vallejo
Matías, o secretarioManu Fernández
Voz da avoaElena Seijo

Equipo técnico

RealizadorRaul Veiga
ProdutorManuel Mexuto
GuiónRaul Veiga
Dirección de produciónMarta Lima
Xefatura de produciónSara Marques
Dirección de fotografíaJuan Carlos GómezAEC
Dirección de ArteJorge Lourenço
GardarroupaAna Isabel Nogueira
SonMarta Mota|Sérgio Silva
CaracterizaciónMarta Ramalho
MontaxeGuillermo Represa|Pedro M. Afonso
MúsicaPaulo Pires
V · Realizador / Produtor
Raul Veiga
Biofilmografía
Raul Veiga

Filmografía

  • 2026A avoa e o amor
  • 2018Contou Rosalía (guión)
  • 2014O médico certo
  • 1999Arde amor
  • 1994A metade da vida
  • 1989Continental (guión)
  • 1984Veneno puro (guión)

Raul Veigapseudónimo de Manuel Castelao Mexuto

Guionista, realizador e produtor nacido en Santiago de Compostela en 1956 e residente no Porto. Non é simple resumir unha carreira que se estende por varios decenios, mais, após unha actividade xuvenil de filmes en formatos non profesionais, cineclubismo e traballos xornalísticos, deuse a coñecer cando escribiu o badalado vídeo Veneno puro (1984, vencedor de varios premios internacionais).

Pasou á pantalla grande co guión da longametraxe Continental (1989), hoxe filme de culto, onde tamén traballou como escritor na filmaxe e posprodución. O guión do filme, xuntamente co material elaborado polo autor para o elenco, foi publicado en 1991.

Traballou como axudante de dirección nos anos de 1990-1991 e dedicouse a producir e realizar os seus propios guións a partir de A metade da vida (1994), única longametraxe rodada en lingua galega e con elenco galego nos papeis protagonistas durante o decenio de 90. O filme foi seleccionado para moitos festivais internacionais e adquiriu forma final na edición restaurada e revisada do seu XXV aniversário (2019).

Arde amor (1999) foi a súa segunda longametraxe como produtor, realizador e guionista. O filme mereceu múltiplos premios internacionais, dous deles en festivais dos EUA. O realizador publicou numerosos artigos e textos relacionados con este filme. Raul Veiga tamén ten practicado a crítica cinematográfica e a análise de filmes, traballo de que resultou o libro sobre seis filmes clásicos Esta noite no cinema, 2005, finalista do premio de ensaio da AELGA.

Foi membro do xurado en varios festivais internacionais, escribiu informes sobre a viabilidade da adaptación de obras literarias ao cinema e desenvolveu actividades pedagóxicas relacionadas cos ámbitos da súa especialidade na Galiza e en Portugal. O documentario O médico certo (2014) é a anterior longametraxe que escribiu, produciu e realizou, e inclúe a dramatización de varios casos clínicos. Como guionista, o seu traballo máis recente foi o telefilme Contou Rosalia (estreado en 2018), baseado na obra e na vida de Rosalía de Castro.

A avoa e o amor (2026), produción caracterizadamente portu-galega, é a súa última longametraxe como realizador e guionista.

Para mais información sobre outros aspectos da traxectoria do realizador/produtor, ver Wikipedia.

A avoa e o amor
Contactos
Produções da Avó